SOLICITUDE DE FINANCIAMENTO TRATAMENTO DE DATOS PERSOAIS

A persoa ou persoas que subscriben este documento (de agora en diante, o "Solicitante") solicitan a CaixaBank Payments & Consumer, E.F.C., E.P., S.A.U., sociedade unipersoal (de agora en diante, “CaixaBank Payments & Consumer”) o estudo e, se é o caso, a concesión dun financiamento.

Para este efecto:

(i) O Solicitante declara baixo a súa responsabilidade que coñece que a formalización dos distintos apartados do procedemento de solicitude é necesaria para poder darlle curso, que os datos que facilita son certos, actualizados e corresponden á súa persoa e que as condicións e garantías que se establezan no momento da concesión poderán non axustarse ás solicitadas. A base legal para o tratamento dos seus datos é a súa solicitude de financiamento.

(ii) CaixaBank Payments & Consumer informa o Solicitante de que a normativa de aplicación sobre solvencia das entidades de crédito (Directiva 2013/36/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 26 de xuño de 2013, relativa ao acceso á actividade das entidades de crédito e á supervisión prudencial das entidades de crédito e as empresas de investimento, e a correspondente transposición da norma comunitaria mediante a Lei 10/2014, do 26 de xuño, de ordenación, supervisión e solvencia de entidades de crédito) obriga a CaixaBank Payments & Consumer a avaliar a solvencia do Solicitante, de acordo coa información obtida, así como a capacidade de cumprir coas obrigas derivadas do produto solicitado, de acordo coa información obtida, as súas políticas e procedementos.

Para os efectos do cumprimento desta normativa, a avaliación da solvencia e capacidade de cumprir coas obrigas derivadas do produto solicitado realizarase respecto de todos os datos do Solicitante que consten nas seguintes entidades concedentes de crédito ou xestoras de créditos, pertencentes ao grupo consolidado integrado por CaixaBank, S.A. (“CaixaBank”) e as súas entidades dependentes para os efectos de consolidación prudencial:

CaixaBank, S.A.; Nuevo MicroBank, S.A.U.; CaixaBank Equipment Finance, S.A.U.; Telefónica Consumer Finance, E.F.C., S.A.; Banco BPI, S.A.; Corporación Hipotecaria Mutual, E.F.C. S.A.; HipoteCaixa2, S.L.; e Credifimo, S.A.U.

(iii) Se o Solicitante é un consumidor, CaixaBank Payments & Consumer estudará a súa solicitude de acordo coa política de préstamos responsable. CaixaBank Payments & Consumer non adquire ningún compromiso relativo á concesión da solicitude da operación. CaixaBank Payments & Consumer poderá conceder a operación, nos termos propostos ou noutros que considere máis axeitados, ou denegala, de acordo coa súa política comercial e de riscos vixentes en cada momento.

(iv) CaixaBank Payments & Consumer informa o Solicitante de que pode contrastar se este está incluído en listas de persoas ou entidades especificamente designadas incluídas en leis, regulacións, directrices, resolucións, programas ou medidas restritivas en materia de sancións económico-financeiras internacionais que CaixaBank Payments & Consumer aplique en cada momento, impostas actualmente polas Nacións Unidas, a Unión Europea, o Reino de España, a Office of Financial Sanctions Implementation (OFSI) of Her Majesty’s Treasury (HMT) do Reino Unido e/ou o U.S. Department of the Treasury’s Office of Foreign Assets Control (OFAC).

(v) Así mesmo, CaixaBank Payments & Consumer informa o Solicitante de que pode ceder os seus datos a CONFIRMA SISTEMAS DE INFORMACIÓN, S.L. (“CONFIRMA”), coa finalidade de previr a fraude; as entidades adheridas ao Regulamento que regula este tratamento, todas elas identificadas en www.confirmasistemas.es, son responsables deste e a súa encargada do tratamento é CONFIRMA, ante a que os titulares dos datos poden exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, oposición, supresión, limitación do tratamento e portabilidade de datos, previstos na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais mediante un escrito dirixido á avda. Industria, 18, de (28760) Tres Cantos (Madrid).

(vi) Central de Información de Riscos do Banco de España (CIR)

Coa presentación desta solicitude, CaixaBank Payments & Consumer queda habilitada para obter da CIR informes sobre os riscos que o Solicitante puidese ter rexistrados. Se finalmente se concede a operación de financiamento, CaixaBank Payments & Consumer deberá declarar os datos necesarios para identificar as persoas con quen se manteñan, directa ou indirectamente, riscos de crédito, así como as características desas persoas e riscos, incluíndo, en particular, as que afecten ao importe e recuperabilidade destes. 

Se o titular do risco declarado á CIR considera que os datos declarados ao seu nome son inexactos ou incompletos, poderá dirixirse directamente á entidade declarante para requirirlle a súa rectificación ou cancelación ou solicitar ao Banco de España que lle faga chegar a súa reclamación. Os titulares de datos de carácter persoal poden exercer os dereitos indicados na normativa de protección de datos de acordo cos termos previstos legalmente, mediante un escrito dirixido ao Banco de España, situado na c/ Alcalá, 48, de (28014) Madrid.

Consulta a sistemas de información crediticia

Coa presentación da solicitude de financiamento, CaixaBank Payments & Consumer queda habilitada para acceder aos datos contidos nos seguintes sistemas de información crediticia:

FICHEIRO ASNEF
Asnef Equifax Servicios de Información sobre Solvencia y Crédito
Ap. correos 10546, 28080 Madrid (sac@equifax.es)

FICHEIRO BADEXCUG
Ap. correos 1188, 28108 Alcobendas (badexcug@experian.com)

CaixaBank Payments & Consumer non basea de forma exclusiva a denegación dunha solicitude de financiamento na consulta a sistemas de información crediticia.

Elaboración de perfís e decisións automatizadas

Para estudar a viabilidade da solicitude, CaixaBank Payments & Consumer realizará tratamentos dos datos persoais do Solicitante baseados en modelos de scoring, e outros similares, consistentes en análises estatísticas de variables sociodemográficas e económicas do Solicitante.

En particular, CaixaBank Payments & Consumer elaborará un perfil do Solicitante que incluirá:

  • O tipo de operación solicitada (cota, prazo e finalidade).
  • Información socioeconómica do Solicitante (residencia, idade e segmento comercial ao que pertence o Solicitante).
  • A situación financeira global do Solicitante (saldos, ingresos e gastos).
  • Información consultada en bases de datos externas relativa ao incumprimento de obrigas monetarias (sistemas de información crediticia), así como datos de risco declarados por outras entidades financeiras.

CaixaBank Payments & Consumer atribúe un valor específico a cada un destes datos relativos ao Solicitante e á súa solicitude, cuxa suma é unha puntuación equivalente á probabilidade de morosidade ou incumprimento das obrigas monetarias que este (o Solicitante) contraerá no suposto de formalización da operación solicitada. A importancia de cada variable e a súa influencia no resultado final é calculada de maneira previa por CaixaBank Payments & Consumer a través de modelos matemáticos e inclúese nas políticas internas de risco da entidade.

De acordo con este resultado numérico, CaixaBank Payments & Consumer aceptará ou rexeitará a súa solicitude de maneira automatizada en función do grao de risco que a entidade decida asumir en cada momento segundo as súas políticas internas de risco.

Infórmase o Solicitante de que pode exercer o seu dereito a non ser obxecto dunha decisión baseada unicamente no tratamento automatizado contactando directamente con CaixaBank Payments & Consumer a través do número de teléfono 900 460 402.

Responsable do tratamento e delegado de protección de datos

CaixaBank Payments & Consumer é un establecemento financeiro de crédito e entidade de pagamento filial da entidade CaixaBank, S.A., co NIF A08980153 e domicilio na avenida de Manoteras, n.º 20. Edificio París (28050 Madrid).

Pódese contactar co delegado de protección de datos en www.caixabank.com/delegadoprotecciondedatos.

Finalidades do tratamento

Os datos persoais do Solicitante e os que se obteñan para a tramitación da presente solicitude serán incluídos e tratados en ficheiros de CaixaBank Payments & Consumer para analizar a solvencia do Solicitante e a viabilidade da solicitude.

Comunicacións de datos

Os datos poderán ser comunicados a autoridades e organismos públicos para o cumprimento dunha obriga legal requirida, así como a provedores de servizos e a terceiros necesarios para a xestión e execución da súa solicitude.

Tratamento de datos de terceiros

Os datos persoais de terceiros que CaixaBank Payments & Consumer reciba do Solicitante para a tramitación da solicitude serán tratados única e exclusivamente con eses fins e non se comunicarán a terceiros salvo nos casos en que a natureza do servizo implique necesariamente esa comunicación, que se limitará á finalidade expresada. CaixaBank Payments & Consumer manterá o segredo sobre os devanditos datos e aplicará as medidas de seguridade legalmente esixibles.

Período de conservación dos datos

CaixaBank Payments & Consumer tratará os datos do Solicitante mentres permanezan vixentes as relacións contractuais ou de negocio subscritas con el. No suposto de ter a súa autorización para o tratamento dos datos con finalidades comerciais, os datos serán tratados ata a revogación desa autorización, ou ben transcorridos doce (12) meses unha vez finalizadas as relacións contractuais ou de negocio establecidas con CaixaBank Payments & Consumer.

De acordo coa normativa, os seus datos serán conservados para os únicos efectos de cumprir as obrigas legais impostas a CaixaBank Payments & Consumer, e para a formulación, exercicio ou defensa de reclamacións, durante o prazo de prescrición das accións derivadas das relacións contractuais ou de negocio subscritas.

Exercicio de dereitos

O Solicitante poderá exercitar os dereitos de acceso, revogación do consentimento, rectificación, oposición, supresión, limitación e portabilidade de acordo coa lei, mediante unha solicitude por calquera das seguintes canles habilitadas para iso:

  • As oficinas de CaixaBank.
  • Comunicación postal dirixida ao apartado de correos núm. 209 de Valencia (46080).
  • A través do enderezo electrónico www.CaixaBank.com/ejerciciodederechos.
  • Mediante as opcións habilitadas para ese fin na súa banca dixital e nas aplicacións móbiles de CaixaBank e CaixaBank Payments & Consumer.

Reclamacións ante a Axencia Española de Protección de Datos

Se o Solicitante non está conforme co tratamento dos seus datos persoais, pode acudir á Axencia Española de Protección de Datos e presentar unha reclamación a través do seguinte URL: https://www.aepd.es/.